O Contorno da Torre tense de protexer para conservar o título de Patrimonio da Humanidade

O presidente do Instituto da Torre de Hércules, Segundo Pardo, o arquitecto Fernando Agrasar e o vicepresidente da APIT (Asociación Profesional de Informadores Turísticos) aconsellan reflexión e creatividade para deseñar un plan director que poda salientar o monumento e o seu contorno, no que se inclúe o antigo cárcere provincial.

«…E outra mais: xa forma parte do debate cidadán o futuro do edificio do cárcere, que se está a destruir, e tratámolo como algo independente do valor arquitectónico da Torre e do seu contorno, cando é unha peza chave.»

«Temos de poñernos as pillas co edificio do cárcere. Se ese edificio continúa a pertencer a Institucións Penitenciarias, o que se ten de facer é negociar ou saír á rúa, se fai falta. É grande, si, pero está cair.»

«Non ter que ser todo para o museo da Torre, pero hai moita cantidade de aparellos, de cuestións relativas á Torre que están espalladas por toda España. E se poden facer tamén outras cousas, cultural, social…»

Para ler o artigo completo preme aqui

Na categoría Novas | Leave a comment

Reunión coa Concellería de Cultura mañá 15 de Maio

Como resposta á Brigada de Limpeza que a Proxecto Cárcere realizou o pasado mes de Marzo, e á carta enviada ao alcalde da Coruña, fomos convidadas/os para unha reunión coa Concellería de Cultura. Esta reunión terá lugar mañá, 15 de Maio e nela presentaremos as nosas propostas para parar o deterioro do cárcere e posibeis usos públicos do mesmo.

Informaremos do acontecido nesta reunión proximamente.

 

Na categoría Novas, Proxectocárcere | Leave a comment

Asamblea de Maio de Proxecto Cárcere

A próxima asamblea terá lugar o venres 25 de Maio no CS Gomes Gaioso às 20h.

 

 

 

 

 

Proposta do orde do día (enviade as vosas aportacións)

1. Informe reunión coa Concellería de Cultura

2. Datas das próximas Xornadas

3. Financiamento Plataforma

4. Grupos de Traballo

5. Relevo do Grupo Coordinador

6. Varios

 

Na categoría Convocatorias da Plataforma | Leave a comment

Asamblea de Abril! Venres 13 ás 20h no CS Gomes Gaioso :)

A próxima asamblea de Proxecto Cárcere vai ter lugar este venres 13 ás 20h no Centro Social Gomes Gaioso, na rúa Marconi, 9, e falaremos dos seguintes temas:

1. Avaliación Brigada Limpeza
Prós e contras, que conseguimos? que podiamos ter feito mellor?
Envio de nota de prensa e cartas ao Concello e SIEP.  De momento un guarda na porta do cárcere día e noite.

2. Calendario de acción dos próximos meses
Brigada Limpeza – Actuable – Dossier – Apoios – Negociacións co concello/SIEP/outros axentes??
Como conseguimos apoio social? que apoio queremos/precisamos? artistas, políticxs, cidadanía….
Como nos sentimos nós en Proxecto Cárcere?

3. Dossier
Pontos fortes e pontos febles.
Coordinación do traballo feito/por fazer
Propostas de axuda/debate/traballo : mesas-de traballo con xente experta, afin, abertas ao público, sobre: autoxestión, financiamento, concienciación cidadá, construcción de grupo…relacións/negociación coas institucións, coa prensa, etc

4. Varios

As asambleas de Proxecto Cárcere son sempre abertas a todas as persoas e colectivos interesados sean ou non parte da Plataforma.

A túa participación será benvinda! Vémonos! ;)

 

Na categoría Convocatorias da Plataforma | Leave a comment

TVE está a grabar o filme «Concepción Arenal, a visitadora de cárceres»

Concepción Arenal (Ferrol,1820- Vigo,1893) foi avogada, escritora e feminista e a primeira muller de Galicia e de todo o estado en ir à universidade, nunha época na que esta ainda estaba vedada para as mulleres. Tamén foi a primeira muller en ser nomeada visitadora de cárceres.

Concepción Arenal defendia unha humanización dos cárceres e o dereito das presas e presos a ser tratadas con dignidade. Cria que o acceso á educación de toda a sociedade era a mellor ferramenta para vaciar os cárceres de persoas. A este efecto realizou numerosos estudos que están recollidos en publicacións como «Carta aos delincuentes», «Oda á escravitude», «O delito colectivo» ou «A educación da muller».

O antigo cárcere provincial da Coruña integrou algunhas das propostas de Concecpción Arenal na seu deseño como insta na placa da entrada. A nós enorgullécenos que se faga un filme da súa historia que é a nosa e esperamos podela ver pronto.

O filme, que será emitido na TVE, terá como protagonistas a Blanca Portillo, como Concepción Arenal, acompañada por Mabel Rivera no papel de Juana de Vega.

«A mediados do século XIX a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de cárceres na prisión de mulleres da Coruña, o que daría como fruto algunhas das súas obras chave. Os seus escritos servirían de base para a reforma do sistema penitenciario no Estado Español.»

Mais información AQUI

Na categoría Novas | Leave a comment

Notificación pública do Proxecto Cárcere

Notificación pública do Proxecto Cárcere

O Proxecto Cárcere quere expoñer publicamente as súas reflexións sobre o acontecido o pasado 31 de marzo de 2012 na entrada da antiga prisión provincial da Coruña. Faino coa certeza de que a súa traxectoria como movemento cidadá dende o ano 2010 tradúcese como o mellor aval cara a amosar que as súas propostas son sempre para sumar e nunca para crear conflitos de ningún tipo.

Por iso, a mellor forma de transmitir ese espírito común que ateiga a nosa filosofía é comunicando dun xeito entendible o noso punto de vista. A falta de comunicación é quizais a grande teima que fai que as persoas non cheguen, como mínimo, a respectarse, puido ser o que tivo concorrido ese día. Que unhas persoas que teñen como obxectivo que un espazo público deixe de estar abandonado e chegue a desaparecer, sexan vistas como posibles perigos para a seguridade, algo que resulta cando menos sorprendente.

O colectivo Proxecto Cárcere quere e quería ese día «limpar» a antiga prisión provincial porque era unha necesidade cívica. Non se pode nin se debe deixar estragar un ben tan emblemático e permitir que se converta nun perigo físico cara ás persoas que por curiosidade poidan acceder libremente a el.

Con esta acción directa pretendíase chamar a atención das institucións que deben manter o bo estado do edificio, como mínimo, por salubridade. Incluso cara ás persoas que estaban a vivir no espazo, pretendíase mellorar as condicións do lugar. A mellor maneira de reivindicar algo é aportando algo e o mellor xeito de facelo neste caso era limpando, traballando polo ben común. Foi o que tentou o Proxecto Cárcere e non lle foi posible facelo. Lonxe diso, non houbo ningún tipo de referencia ou preocupación por parte das autoridades ó que pretendíamos facer alí ese día.

A xornada desenvolveuse pacificamente e rematou cun xantar ós pés da Torre conversando do acontecido e resolvendo estar moi sorprendidas todas as persoas que compoñemos o colectivo.

Noutros lugares de España e de Europa o aproveitamento por parte da cidadanía en colaboración coas institucións dun espazo público evitando a súa ruína é considerado como acto social de primeiro orde, pois supón que calquera persoa que pase por estes lugares terá o respecto como un dos seus xeitos de convivir coas demais.

Estamos totalmente dispostos a amosar o noso proxecto a quen teña que escoitarnos e agardamos que haxa unha comunicación fluída pois os nosos intereses son os da cidadanía da Coruña.

 6 de Abril de 2012

                                                                                                         PROXECTO CÁRCERE

                                             Grupo de activación e reivindicación do antigo cárcere da Coruña

Na categoría crónicas, Proxectocárcere | Leave a comment

Transformación social e Arquitectura? É posibel!

As compañeiras Dinorah Batallán e Carme Cotelo participaron o pasado 27 de Marzo no programa «A Vida é outra Cousa» da Cuac FM.

Dinorah falou sobre a Plataforma e o seu proxecto de fin de carreira. Dinorah propón unha distribución espacial e temática dentro do cárcere baseada nas propostas de uso para o edificio que a cidadanía foi aportando a Proxecto Cárcere.

Carme Cotelo explica o proceso colectivo de Proxecto Cárcere desde as primeiras choivas de ideas apaixonadas e ambiciosas e grandes xuntanzas de persoas e organizacións ata a realización das Xornadas de Portas Abertas e o lento camiño cara un traballo horizontal de obxectivos compartidos.

Transformación social e arquitectura son posibeis!

Na categoría crónicas, Proxectocárcere | Leave a comment

Crónica Brigada de Limpeza 31 de Marzo 2012

O Sábado 31 de Marzo reunímonos un grupo de 25 persoas para limpar o cárcere e así crear conciencia social e institucional sobre a importancia do seu coidado e mantemento como patrimonio histórico e arquitectónico da nosa cidade.

Esta labor non poido ser realizada porque un despregue policial enviado polo Concello da Coruña formado por 5 coches da policia nacional se presentou no mesmo para nos impedir o acceso ao recinto. Despois dalgún malentendido inicial, debido á incorrecta información que lles fora fornecida, xa que pensaban que se ía tratar dunha ocupación e non dunha limpeza de 2 horas, recibimos as desculpas oportunas e colocámonos na parte externa do cárcere.

Permanecemos ali ata as 13h aproximadamente nas que fomos atendida/os pola prensa interesada en saber cales eran as nosas demandas e un tanto sorprendidas pola resposta institucional. Nós pedimos que as autoridades competentes, o SIEP (Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios) actual xestora do Cárcere e o Concello da Coruña protexan o cárcere dos ataques vandálicos e deterioro causado polo desuso e abandono no que na actualidade se encontra. Tamén nos preocupa como o mal estado do cárcere  poda afectar ao nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, xa que o cárcere está dentro do contorno da Torre.

Durante o tempo que permanecimos ali, o noso compañeiro Tono poido grabar algunhas declaracións de persoas que aprobeitando o bon tempo paseaban polo paseo maritimo. Nas súas aportacións predominaba un pensamento comun: a mala imaxe que dá o abandono do cárcere tanto para turistas como para locais, o risco que supón por cuestións de salubridade e seguridade para as crianzas e a mocidade que acostuman a xogar nas imediacións, e o apoio a unha iniciativa de rehabilitación do cárcere para uso público das coruñesas e coruñeses.

No picnic de convivio que celebramos próximo a praia da Lapa falamos dos seguintes pasos a seguir coa clara intención de continuar as relacións coas institucións e compartir a nosa iniciativa coas persoas e colectivos da cidade para que aporten a súa visión e así o proxecto gañe en diversidade e consenso social.

A pesar de que o noso ideal sería que o cárcere estivese aberto para o uso e desfrute de toda a xente da Coruña e visitantes vemos como urxencia inmediata a súa proteccion e por tanto instamos ás autoridades competentes a pechar as vías de acceso ao edificio de maneira efectiva e enviar unha patrulla policial de forma regular ao cárcere e inmediacións para cerciorarse de que non se producen mais estragos.

Pola nosa banda nas próximas semanas completaremos o Plan de Viabilidade no que  exporemos á cidadanía, institucións, organizacións políticas e medios de comunicación a nosa proposta de uso, xestión, mantemento e financiamento para a antiga prisón provincial da Coruña.

Agradecemos a todas e todos polo seu apoio e divulgación da iniciativa e esperamos ver en breve o cárcere da Torre protexido e en boas condicións.

Plataforma Proxecto Cárcere

Na categoría crónicas, Proxectocárcere | 3 Comentarios

Avante!! Brigada de Limpeza no cárcere o Sábado 31 de Marzo!!

Perante o alarmante estado de abandono e deterioro que está a sofrir o cárcere da Torre e o seu contorno, a Plataforma cidadá Proxecto Cárcere convoca á cidadanía a participar na Brigada de Limpeza Cárcere da Torre que terá lugar o Sábado 31 de Marzo de 11h30 a 13h30 no propio cárcere.

Desde a Plataforma Proxecto Cárcere solicitamos fai uns meses tanto ao Concello da Coruña como ao SIEP, empresa pública xestionadora neste momento do Cárcere, para tomaren as medidas pertinentes e protexeren o edificio e o se contorno da súa degradación paulatina. Desgraciadamente estas medidas non foron suficientes e o cárcere presenta a día de hoxe danos considerabeis como se pode ver nas imaxes do anterior artigo.

Apesar de que o traballo a facer levaría mesmo semanas nós traballaremos durante dúas horas como manifestación do interese da cidadanía da Coruña e arredores na protección do Cárcere da Torre. Tendo tamén en conta que o cárcere está situado no entorno da Torre de Hércules, declarada no ano 2009 patrimonio da Humanidade pola UNESCO, demandamos acción urxente e efectiva por parte das autoridades para a súa conservación.

Traede vasoiras, cubos, esponxas, recolledores, sacos de lixo, guantes fortes…para limpar e/ou tesouras de poda, e outras ferramentas de xardineria para adecentar a entrada do cárcere. Propostas propias son benvidas.

Despois da limpeza faremos un picnic de convivio para nos coñecer, falar e compartir ideas no cárcere ou arredores. Trae o teu bocata e bebida e unete a nós!

Convida a esta acción a todas as túas amigas e amigos. Cantas mais seamos mais poderemos facer, mais visibilizaremos que nós, a xente da Coruña, queremos e podemos tomar acción e parar a degradación dun edificio que é sen dúbida patrimonio arquitectónico e histórico da nosa cidade.

Esperámosvos!! :)

Na categoría Convocatorias da Plataforma, Proxectocárcere | Leave a comment

Estado alarmante de deterioro do antigo cárcere provincial da Coruña


O estado no que está o primeiro edificio do cárcere da Torre na actualidade é alarmante. A degradación do mesmo en menos de 5 meses, desde a última vez que o visitamos durante o Día Mundial de Arquitectura, é mais que evidente nestas imaxes.

Desde a Plataforma Proxecto Cárcere solicitamos fai uns meses tanto ao Concello da Coruña como ao SIEP, empresa pública xestionadora neste momento do Cárcere, para tomaren as medidas pertinentes e protexer o edificio e o se contorno da súa degradación paulatina.

Proxecto Cárcere reivindica a recuperación deste edificio, patrimonio histórico e arquitectónico da nosa cidade, como centro sociocultural e da memoria. Neste momento estamos a elaborar o Plan de Viabilidade que será presentado á cidadanía e ás institucións competentes nos próximos meses. Queremos coa nosa actividade darlle unha alternativa de vida a este lugar emblemático e parar o estado de continuo deterioramento e abandono no que na actualidade se encontra.

 

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment