O Proxecto Cárcere por Xoán Abeleira

O Proxecto Cárcere dá moito que falar. Levamos xa moitos meses camiñando, e como non, agradecemos que persoas como Xoán Abeleira nos regalen unha crónica tan ben escrita deste percorrido. Moitas grazas Xoán:

En decembro do 2010, no salón de actos d’A Maestranza, reuniuse un cento de persoas de distintos ámbitos da sociedade e con distintas ideoloxías pra artellar e encher de contidos un proxecto que xa levaba meses madurecendo: converter o antigo Cárcere d’A Cruña, símbolo da opresión e da represión franquista, nun espazo cultural e museístico aberto a toda a cidadanía, quer xestionado polo Concello da vila (previa cesión ou venda por parte do Estado), quer autoxestionado por unha comisión creada a tal fin (co beneplácito do Concello e do Estado). Un “lugar de convivencia e encontro”, xa que logo, semellante a outros que xa están a funcionar, como a antiga prisión de Torrero, en Zaragoza, ou, mellor aínda, o Centro Social La Tabacalera, en Madrid –cuxo modelo se asemella máis o que se desexa implantar eiquí–.

A partir daquela reunión, unha presada de compañeiros e compañeiras conformaron ó doután unha plataforma composta por varios grupos de traballo e un “órgano soberano”, a Asemblea Comunitaria (aberta, á súa vez, a calquera persoa ou calquera colectivo que desexe aportar ideas á iniciativa). Plataforma que arestora, seis meses despois, deveu no chamado Proxecto Cárcere, o cal conta xa cunha páxina web http://proxectocarcere.saramaganta.info/…) e un blog http://proxectocarcere.blogaliza.org/) nos que se explica o funcionamento do mesmo e os obxectivos inmediatos que as súas e os seus integrantes arelan atinxir:

“A Plataforma (…) recolle as inquedanzas dos veciños do barrio e da cidade en xeral en torno á idea exposta, e tenta crear un movemento cívico de concienciación do dereito a acadar eses fins.

A independencia na xestión do futuro edificio é outro dos nosos obxectivos. As fórmulas participativas que se establezan deberán conceder especial protagonismo á capacidade de decisión das asociacións culturais, sociais, veciñais ou educativas que formen parte do proxecto.

Fuximos de investimentos millonarios e apostamos por modelos sustentables e de aproveitamento dos recursos existentes. Dentro dos modelos de financiamento que se podan establecer, e tentando reducir na maneira do posible a dependencia económica. A autoxestión preséntasenos, daquela, como o medio idóneo pra acadarmos os obxectivos marcados.”

E como o movemento se demostra andando, a Asemblea do Proxecto Cárcere decidiu principiar a súa andaina demostrando o que é quen de facer. E así, esta semana, os días 8, 9 e 10, celebraranse unhas “Xornadas de Portas Abertas” nas que haberá de todo o bo: teatro, música, artes plásticas, cine, poesía… Tres mañás, tardes e noites nas que intervirán, a nivel persoal ou colectivo, e, abofé, de balde, unha chea de creadoras e de creadores, co único e inestimable fin de apoiaren a iniciativa.

Secasí, o futuro dise inmoble cuxo horrendo pasado podemos e debemos, entre todas e todos, transformar nun fermoso presente, esclarecido pola luz do Faro, aínda pende dun fío. Mellor dito, de dous. Mormente de nós, do grao de implicación que as cruñesas e os cruñeses, en particular, e as galegas e os galegos, en xeral, asumamos respecto a iste proxecto pensado por e pra nós. Mais tamén dos novos responsables do goberno municipal, sen cuxa axuda, xaora, non daremos esconxurado xamais os inimaxinables pesadelos que sufriron tantísimas e tantísimos compatriotas nosos en aras da liberdade da que agora gozamos.

Fonte orixinal da nova: http://xoanabeleira.blogaliza.org/2011/06/06/o-proxecto-carcere/

Esta entrada foi publicada en crónicas. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a O Proxecto Cárcere por Xoán Abeleira

  1. I’ve been studying designs for over 30 years. It is safe to say that this building is the most marvelous one on the planet. Visit it once and you will agree with me!

Os comentarios están pechados.