Con catro días

“Nunca dubide que un pequeno grupo de persoas conscientes e unidas poda ser quen de mudar o mundo; de facto, sempre foi somente así que o mundo mudou”

Fritjof Capra


Con catro días foi que mudamos o noso pequeno mundo, ese pedaciño de terra que chamamos Coruña. Foron catro días de música, de teatro, de maxia, de debate, de expresión artística, de memoria e sobretodo de aprendizaxe colectiva. Confirmamos, despois de 6 meses de intenso traballo e conversas, que outras maneiras de facer son posibeis e sobretodo necesarias. Testemuñamos que esta idea dun grupo mais ou menos pequeno, é compartida por moita xente, coa asistencia ás Xornadas de Portas Abertas de  250 persoas de media en cada un dos catro dias, conseguíndose mais de 400 sinaturas de apoio ao Proxecto e uníndose á Plataforma mais de 100 persoas, chegando xa a aproximadamente 200 integrantes na mesma. E isto non é mais do que o início.

 

A Plataforma Proxecto Cárcere quere que o espazo da antiga prisión provincial da Coruña, con todo o que representa, sea posto ao dispor da cidadania sendo nós quen decidamos como queremos construir a nosa cultura, a nosa sociedade, e a nosa historia. Precisamos de espazos de encontro e de liberdade para expresarnos artisticamente, socialmente e recordar de onde vimos para podermos saber cara onde queremos ir como comunidade. Xa existen suficientes espazos institucionais e privados na Coruña onde as cidadás e cidadáns asisten como espectadores. Proxecto Cárcere non prentende que a cadea sea un contentor mais de cultura, senón un espazo vivo desde onde se constrúa cultura a partir de todas e cada unha das persoas que formamos a sociedade. Con ese fin continuaremos a nos reunir, debatir, traballar e construir unha proposta firme e sólida que contemple as visións da colectividade da Coruña.

 

Agradecemos a todas as persoas e colectivos que participaron nas xornadas dunha ou outra maneira por facer deste soño unha realidade…imparabel.

 

Para te unires e participar na Plataforma Proxecto Cárcere envia email a proxectocarcere@gmail.com e visita o nosso blog e WIKI.

Esta entrada foi publicada en crónicas, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Con catro días

  1. Pingback: «JailArt, arte polo cárcere» o sábado 29 de xuño no contorno do Cárcere da Torre | Proxecto Cárcere

Os comentarios están pechados.