Notificación pública do Proxecto Cárcere

Notificación pública do Proxecto Cárcere

O Proxecto Cárcere quere expoñer publicamente as súas reflexións sobre o acontecido o pasado 31 de marzo de 2012 na entrada da antiga prisión provincial da Coruña. Faino coa certeza de que a súa traxectoria como movemento cidadá dende o ano 2010 tradúcese como o mellor aval cara a amosar que as súas propostas son sempre para sumar e nunca para crear conflitos de ningún tipo.

Por iso, a mellor forma de transmitir ese espírito común que ateiga a nosa filosofía é comunicando dun xeito entendible o noso punto de vista. A falta de comunicación é quizais a grande teima que fai que as persoas non cheguen, como mínimo, a respectarse, puido ser o que tivo concorrido ese día. Que unhas persoas que teñen como obxectivo que un espazo público deixe de estar abandonado e chegue a desaparecer, sexan vistas como posibles perigos para a seguridade, algo que resulta cando menos sorprendente.

O colectivo Proxecto Cárcere quere e quería ese día “limpar” a antiga prisión provincial porque era unha necesidade cívica. Non se pode nin se debe deixar estragar un ben tan emblemático e permitir que se converta nun perigo físico cara ás persoas que por curiosidade poidan acceder libremente a el.

Con esta acción directa pretendíase chamar a atención das institucións que deben manter o bo estado do edificio, como mínimo, por salubridade. Incluso cara ás persoas que estaban a vivir no espazo, pretendíase mellorar as condicións do lugar. A mellor maneira de reivindicar algo é aportando algo e o mellor xeito de facelo neste caso era limpando, traballando polo ben común. Foi o que tentou o Proxecto Cárcere e non lle foi posible facelo. Lonxe diso, non houbo ningún tipo de referencia ou preocupación por parte das autoridades ó que pretendíamos facer alí ese día.

A xornada desenvolveuse pacificamente e rematou cun xantar ós pés da Torre conversando do acontecido e resolvendo estar moi sorprendidas todas as persoas que compoñemos o colectivo.

Noutros lugares de España e de Europa o aproveitamento por parte da cidadanía en colaboración coas institucións dun espazo público evitando a súa ruína é considerado como acto social de primeiro orde, pois supón que calquera persoa que pase por estes lugares terá o respecto como un dos seus xeitos de convivir coas demais.

Estamos totalmente dispostos a amosar o noso proxecto a quen teña que escoitarnos e agardamos que haxa unha comunicación fluída pois os nosos intereses son os da cidadanía da Coruña.

 6 de Abril de 2012

                                                                                                         PROXECTO CÁRCERE

                                             Grupo de activación e reivindicación do antigo cárcere da Coruña

Esta entrada foi publicada en crónicas, Proxectocárcere. Garda a ligazón permanente.