Resumo da reunión entre Proxecto Cárcere e a Concellería de Cultura da Coruña

O pasado 15 de Maio, Proxecto Cárcere reuniuse coa Concelleira de Cultura da Coruña.

Esta reunión foi convocada pola propia concelleira en resposta á comunicación que lle enviamos sobre a Acción Brigada de Limpeza do mes de Abril, no que un grupo de 20 persoas nos presentamos no cárcere para limpalo e 5 brigadas de policia e un coche da policia secreta nos impediron o paso.

A Concelleira manifestou que toda acción feita no cárcere debía ser responsabilidade do SIEP, actual administrador do edificio.

Tendo confirmado que si é responsabilidade do SIEP o entapiado das xanelas, non queda ainda claro quen está a pagar os gastos de contratación dun garda 24h diante do cárcere. A información que continuamos a ter con respecto a quen enviou as 5 patrullas de policia ao cárcere o dia da acción de Brigada de Limpeza é a que no seu día nos deu a propia policia, que afirmou que foran avisados polo concello dunha tentativa de ocupación. Isto non foi nin confirmado nen desmentido polo Concello, nen abordado pola Concelleira de Cultura nesta reunión.

Por outro lado, a concelleira mostrou interese en facer un proxecto no espazo, comunicando que o cárcere estaría incluído no plan “Coruña Futura”, ainda que non nos especificou qué tipo de iniciativa se levaría a cabo neste espazo, nen se neste plan se contempla unha consulta pública na que a cidadanía e iniciativas socioculturais da cidade poidan ter un papel relevante.

En calquera caso, o cárcere non é de momento unha prioridade para o actual equipo de goberno, posto que a  súa cesión por parte do SIEP implica un desembolso monetario que o Concello non se pode permitir a día de hoxe.

Perante a presentación dixital de Proxecto Cárcere, elaborada por Dinorah e Martiño, as representantes do Concello manifestaron os seus parabens polo traballo feito pola Plataforma, e a concelleira de cultura propuxo unha xuntanza coa concellería de urbanismo e infraestruturas para falar polo miúdo do estado do cárcere e posibeis solucións.

Nesta semana contactaremos outra vez co Concello para establecer unha data para a reunión con urbanismo.

De parte do SIEP non temos recibido ninguha comunicación en resposta á carta que enviamos hai unhas semanas e que se pode ver aqui.

Está nos nosos pláns continuar a solicitar unha reunión con esta entidade e demandar unha respota ás nosas comunicacións.

Seguiremos informando deste tema a través deste blogue.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.