Parabens Proxecto Cárcere!

Grazas a todas e todos por virdes a compartir a celebración destes dous anos de Proxecto Cárcere. Isto non é mais do que o inicio dun soño a se tornar realidade.

Aqui algúns dos moitos agasallos que recibimos. 🙂

CHICULATADA PROXECTO CÁRCERE_25112012 from MrEIDANPELIS on Vimeo.

Texto de apoio do Grupo Surrealista Galego ao Proxecto Cárcere da Coruña, con motivo do seu 2º aniversario.

E 76 anos despois o cárcere volta pecharse, esmagando desa vez o traballo e a arela dun voluntariado impecábel.

Nós amamos a liberdade, como tolas e tolos da liberdade que somos. Acaso é amar de máis? Nous n’avons rien à nous reprocher. Non temos nada que reprocharnos.

Nós sabemos que son a pobreza e a exclusión as que edifican cárceres, como a miseria intelectual tamén nos encerra e non nos deixa amar, nin amarnos, nin sermos nós os faros da nosa emancipación.

Desde que comezamos a desaprender somos quen de reinventar a realidade, no noso devir superreal.

Somos alquimistas, somos ferreiros; andamos a fundir barrotes, cadeas e ferrollos, e no crisol onde nacermos xorde o lóstrego dunha chave universal, a que abre tamén os cárceres do espírito.

Non falamos en futuro, nós non sabemos agardar, queremos toda a liberdade agora, e mesmo denantes. Ao non sabermos pedir, non nos queda outra que apropiarnos. Nacemos -xalundes! Vemos – alén! Respiramos – aquí mesmo!

Desmilitaricemos as mentes.
Deixade as covas do ser.
Abride o cárcere!
Adiante compañeiras, compañeiros do Proxecto Cárcere! Parabéns!

Manolo Pazos da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña falounos da memoria do cárcere e leunos este poema adicado á mestra de Monelos, Mercedes Romero Abella

A derradeira lección da mestra
foi alongarse da preposición propia
indo contra corrente cara á suma.

A derradeira lección da mestra
foi debuxar con xiz sobre o verbo
as ondas orixinais de Corcubión.

A derradeira lección da mestra
foi a primeira clase obreira
na súa escola laica de Monelos.

A derradeira lección da mestra
foi amar no prisma da Coruña
e enxendrar planetas e cadernos.

A derradeira lección da mestra
foi metrallada nas terras de Aranga
escritas no monte polo río Mandeo.

A derradeira lección da mestra
foi enterrada ao raso en Vilarraso
como toda a inocencia da lousa.

Ela daba leccións de humanidade.
E nunca esqueceremos consonantes
a derradeira lección da nosa mestra.

                            Claudio Rodríguez Fer

A mestra socialista Mercedes Romero Abella, natural de Cee e criada en Corcubión, que estaba casada co sindicalista Francisco Mazariegos, con quen tivera dous fillos. Exercía a docencia na Escola de Nenas de Monelos (A Coruña) e, tras ser fusilado o seu marido en 1936, foi secuestrada na Coruña e asasinada e arrebolada ao río Mandeo na Ponte da Castellana no outono do mesmo ano. Está enterrada en Vilarraso, nas terras de Aranga.

Gardamos tamén un minuto de silencio por todas as mulleres asasinadas pola violencia machista neste ano e por todas as que como a mestra de Monelos, Concepción Arenal, cuxa defensa polos dereitos das presas e presos foi tan influínte na deseño do cárcere da Torre, e por todas as mulleres do noso día a día que a pesar de todas as violencias resisten sen deixar nunca de ter esperanza.

Non hai liberdade sen a liberdade das mulleres.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.