Crónica do Ens Toca!…Tócanos!

Os días 13, 14 e 15 de xuño tivo lugar en Barcelona un encontro internacional de espazos culturais independentes, ó que a plataforma coruñesa Proxecto Cárcere foi convidada.

Baixo o nome Ens Toca! (Tócanos!, en referencia a necesaria implicación da sociedade para a activación de propostas culturais transformadoras), a súa finalidade era intercambiar experiencias e afondar na idea da cultura como ferramenta de recuperación da esfera do público. Estivo organizada polo colectivo Ateneu Santboiá en colaboración coa rede europea de espazos culturais Trans Europe Halles, e contou coa participación de xestores, espazos independentes e redes estatais e internacionais do ámbito da cultura.

Foron moitas as temáticas tratadas, ben a través de exposicións e charlas ou ben de mesas de debate: cultura independente, modelos de xestión e financiamento, participación cidadá, redes de apoio, espazo público, etc.

A asistencia de Proxecto Cárcere a eventos coma este supón unha oportunidade para a plataforma de expoñer e contrastar a súa iniciativa, á vez que de aprender doutras experiencias consolidadas ou cunha maior traxectoria. Modelos culturais baseados na participación cidadá e na xestión comunitaria como aquel polo que avoga Proxecto Cárcere para  o espazo da antiga prisión da Torre, son unha realidade dende hai anos en moitos lugares do continente europeo e mesmo do estado español. Así, manter un contacto directo con estes procesos constitúe un reforzo e un apoio para seguir adiante no desenvolvemento da iniciativa cidadá coruñesa, coa convicción de que outros xeitos de facer cultura e cidade non só son desexables senón posibles.

Resaltar que o interese espertado nas xornadas pola presentación de Proxecto Cárcere foi máximo, cunha moi boa acollida da súa proposta, motivada tanto polo simbolismo e potencial do edificio do cárcere, como polos obxectivos, formulacións e traxectoria da iniciativa.

Patxi Sánchez de Proxecto Cárcere

Esta entrada foi publicada en crónicas. Garda a ligazón permanente.