Encontros entre Proxecto Cárcere e o novo goberno municipal da Coruña

concello-de-a-coruna-105781Nestes últimos meses Proxecto Cárcere tense reunido co novo goberno de María Pita, como anteriormente fixo co bipartito BNG-PSOE e nos últimos catro anos co Partido Popular.

No mes de xullo tivemos unha cita con Xose Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento co obxectivo de presentarnos como Plataforma Cidadá e colocar na axenda coruñesa o proxecto sociocultural e da memoria de rehabilitación do antigo cárcere da Torre. Sande falounos principalmente da situación xeral coa que se encontraran á súa chegada ao Concello. Con respecto ao cárcere informou da intención do presente goberno de continuar coa vía legal iniciada polo antigo edil Carlos Negreira para a devolución dos terreos e por tanto do edificio do cárcere invalidando os acordos monetarios asinados no seu momento por Francisco Vázquez.

No decurso da conversa falounos tamén do proxecto herdado do goberno do Partido Popular do Centro de Produción de Deseño CIDEA que tería como sede futura a Antiga Comandancia de Obras. En palabras do concelleiro víano como inviabel tal e como estaba prantexado polo que si manterían as actividades na Fundación Luis Seoane pero non procederían, de momento, á rehabilitacion e acondicionamento das instalacións da Comandancia. Para nós esta podía ser unha oportunidade para abrir o proceso á cidadania nas liñas que propón o Plan de Viabilidade de Proxecto Cárcere podendo servir de inspiración non só para a antiga prisión pero tamén para outras iniciativas da cidade nas que puidera ser de utilidade.

Deixando pasar o verán e dando tempo para que a Marea Atlántica se afixera ao seu novo fogar volvemos solicitar unha reunión no mes de outubro coas concellerías de Culturas, Deporte e Coñecemento, Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda e Participación e Innovación Democrática, entendendo que Proxecto Cárcere abrangue non só o ámbito cultural senón que é realmente transversal e se relaciona cos diferentes eidos sociais, culturais e urbanos da cidade.

Neste novo encontro participamos 6 persoas de Proxecto Cárcere e en representación do Concello, Xosé Manuel Sande, Claudia Delso e Xoán Mosquera, no lugar de Xiao Varela que finalmente non puido asistir. Proxecto Cárcere tiña enviado unha serie de preguntas ás diferentes concellerías para axilizar a reunión e facela o mais efectiva posibel coa intención de a través das respostas obtidas estarmos en mellor condicións de avanzar co noso proxecto.

As preguntas eran as seguintes:

  1. O edifício pasou a ITE (Inspección Técnica de Edificios)? Se foi así foi favorable ou desfavorable?
  2. Que obras se levaron a cabo durante o verán de 2014?
  3. Cal é a situación actual do xuizo sobre o convénio de devolución do cárcere? Cales son os prazos? Canto se podería demorar?
  4. Cales son os seguintes pasos que plantexa o Concello para obter o cárcere da Torre?
  5. Na Escola de Arquitectura estase a desenvolver un tema de Proxecto Final de Carreira, no edifício do cárcere. Sería posible unha visita?
  6. Habería a posibilidade de organizar un encontro como o de 2010 sobre Novos Modelos de Xestión Cidadá de Espazos dentro do cárcere?

Infelizmente non obtivemos durante esta reunión respostas concretas a todas estas preguntas aínda que si se nos prometeu enviárnolas na maior brevedade e contestar coa maior concrección posibel.

Con respecto á colaboración entre Proxecto Cárcere e as diferentes concellerías, cabe destacar a afinidade en liñas xerais nos conceptos de participación, cultura e urbanismo, coas que esperamos poder profudizar, como un axente social mais, na futura construcción da cidade. En base ao futuro do cárcere da Torre non parece que haxa unha proposta clara e concisa de usos, rehabilitación e modelo participativo por parte do Concello, e tampouco nos quedou claro que papel tería Proxecto Cárcere no caso do edifício ser restituído ao concello durante os próximos catro anos.

Para Proxecto Cárcere é imprescindibel a comunicación fluida e directa co goberno do Concello da Coruña así como co Ministerio de Interior, pois son as autoridades responsabeis do edifício e terreo da antiga prisión provincial. Esperando conseguir a información que precisamos e que o próximo ano se presente con mais oportunidades de acción, nós faremos valoración deste quinto ano de vida e traballo e iniciaremos un proceso creativo de toma de decisións estratéxicas e operativas para presentar a inícios do 2016.

Esta entrada foi publicada en crónicas, Novas, Proxectocárcere. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Encontros entre Proxecto Cárcere e o novo goberno municipal da Coruña

  1. manuel monge di:

    Non podo opinar nada. Cando contesten ás preguntas xa falaremos.

    Manolo

Os comentarios están pechados.