“A nao das Argonautas” – 5º Aniversario de Proxecto Cárcere

Hoxe, venres 20 de novembro de 2015 é o 5º aniversario de Proxecto Cárcere que terá lugar ás 17:00 no antigo cárcere da Torre.

Realizaremos unha acción lúdico-reivindicativa co nome de “A nao das argonautas” na que recordaremos as propostas colectivas feitas pola cidadanía da Coruña para a recuperación do antigo cárcere como centro sociocultural  e da memoria. Sen esquecer os atrancos burocráticos e institucionais cos que nos temos atopado durante a nosa andaina queremos dar unha mensaxe de esperanza e recoñecemento a todas as persoas que dun ou outro xeito soñamos con abrir as portas do cárcere á creatividade e participación cidadá.

Finalizaremos a actividade cunha pequena celebración e brinde na praia das Lapas e unha petiscada no mítico bar “O Patachim” da rua Beiramar

Esperamos que podades compartir connosco esta celebración.

Moitas grazas a todas por facer existir a Proxecto Cárcere

A continuación o comunicado deste ano

 

A Nao das Argonautas

nao argonautas

Como a Nave das Argonautas esculpida en pedra polo mestre Gonzalo Viana, alá por novembro de 2010 empezamos a deseñar o noso navío ao pé da Torre, á beira do noso mar, nas vellas instalacións da antiga prisión provincial coruñesa co obxectivo de surcar os mares da cultura, da arte, da educación, da memoria…

Paseniñamente puxémonos man á obra como se facían e se fan os barcos da ribeira nas nosas costas.

Estudamos modelos que nos convencían deste país e de fóra, fixemos ensaios que funcionaron moi ben e documentamos todas as nosas experiencias e estudos nun caderno de bitácora que entregamos ás nosas autoridades municipais e que aí está a disposición de toda a xente .

A travesía está sendo larga e os escollos moitos. A nave atravesou tempestades e mares en calma. Escoitamos cantos de sereas e serafíns que nos intentaron desorientar. Perdemos valiosas e valiosos navegantes pero tamén embarcou nova tripulación. Neste momento a nosa nave atópase varada nun areal de burocracia e de desidia por parte das nosas autoridades e contemplamos con certo estupor como o noso traballo “artesanal” é desprazado ou ninguneado por “franquicias” que pouco ou nada van ofrecer ao que nós humildemente entendemos por cultura.

Esperaremos a que a marea volva subir, o vento empece a zoar e entón ergueremos novamente as nosas velas para que esta nao colectiva siga deixando o seu ronsel neste mar fisterrán.

Ano V de PC.

Esta entrada foi publicada en Convocatorias da Plataforma, crónicas, Novas, Proxectocárcere. Garda a ligazón permanente.