Proxecto Cárcere con Manuel María

Manuel-María-Dia-do-Libro-669x272

O pasado 23 de Abril, con motivo do dia do libro, a Plataforma Proxecto Cárcere sumouse á iniciativa de homenaxe á figura de Manuel María. O acto desenvolveuse no Museo de Belas Artes de A Coruña, e máis de 300 persoas lemos poemas do autor, nun evento cheo de emotividade e amor pola nosa cultura. Por alí achegámonos Xosé Lado e Eva Piñeiro coa familia Nunes ao completo. O reto era grande. O noso poema, de Versos para un país de minifundios (1969), ben podemos decir, acaído:

Non creas o que din os xornais,
nin o que berran
as estaciós de radio,
nin os números xeados
que traen as estadísticas.
Non te fíes tampouco
no que se le nas guías
feitas para uso de turistas.
Non enchas o teu corazón
–tan canso e tan velliño-
coas canciós de moda.
Non lle dés creto ningún
á propaganda.
Non ergas na túa intimidade
–no lugar que algún día
ocuparon os deuses-
a imaxe dun ídolo
que pode ser un futbolista,
unha estrela de cine,
un charlatán,
cecais un falso amigo.
Recóllete en ti, ¡ouh
pobo meu!, medita,
chora longamente
os teus pecados.
E así que esteñas purificado
polas bágoas:
olla a realidade
na que vives
e abre, para sempre,
os teus ollos puros cara a luz.

Dinamizou e apresentou o evento Xurxo Souto, cariñoso, incisivo e comprometido coa terra. A viuva de Manuel María, Saleta, estaba entre o público, feito que aportou máis solemnidade aínda a lectura. Facía sol, e o espazo do Museo non fixo máis que ser a envolvente perfecta para unha mañá entre libros. Acelebramos a cultura, acelebramos os libros, e acelebramos a memoria.

Esta entrada foi publicada en crónicas, Outras convocatorias, Proxectocárcere e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.