Hortas no cárcere. Sementando e creando en Comunidade

Boas noites,

Proxecto Cárcere está de volta, e con moito movemento. Felizmente, comenzamos o curso coa boa nova da cesión dun espazo para sementar, nas novas hortas urbáns do Concello de A Coruña. Decidimos facer unha proposta de participación (que nos encanta), fuxindo de calquera prototipado rápido. É que a praxe é o que nos mola 😉

Velaquí vos deixamos o texto íntegro da nosa proposta.

PROPOSTA PARA AS HORTAS DO PARQUE CARLOS CASARES

PROXECTO CÁRCERE – CS A COMUNA

Esta proposta é presentada pola plataforma Proxecto Cárcere, que ten como obxectivo primordial a recuperación da antiga prisión provincial da Coruña. Debido a isto, o seu radio inmediato de acción sitúase no barrio de Monte Alto. Por esta circunstancia, e por compartir os seus principios básicos, a memoria que segue, así como o proxecto en xeral, está preparada coa colaboración do Centro Social A Comuna, un “proxecto de transformación e creación de comunidade“.

Vista do Parque Carlos Casares

Vista do Parque Carlos Casares

Obxectivos:

Proxecto Cárcere ten como obxectivo prioritario a activación e coidado da antiga prisión provincial e a súa contorna. Desde a súa creación en 2010 só nunha ocasión puido desenvolver a súa actividade dentro do edificio e ademais nestes 6 anos non tivo ningún espazo propio que empregar de forma habitual. Por isto, os obxectivos principais que se buscan coa horta, son:

  1. Xestionar un espazo en comunidade

    Pasar da teoría á práctica, xestionando o funcionamento dun espazo tanxible, neste caso, unha horta. O seu funcionamento seguiría os principios que ata agora Proxecto Cárcere desenvolveu maiormente nun plano teórico e ademais co engadido de que é nun terreo situado a carón da prisión, o cal é positivo desde un punto de vista emocional (a plataforma estaría traballando o máis preto posible do cárcere) e tamén porque permitiría unha maior e máis continuada interacción coa veciñanza máis próxima.

  1. Materializar unha das propostas do Plan de Viabilidade de 2012

    O plan de viabilidade de Proxecto Cárcere xa incluía a posibilidade de dedicar unha parte do espazo a hortas. Isto só sería unha realización previa a facelas dentro da cadea.

  1. Establecer sinerxias cxs habitantes e axentes do barrio.

    Como xa se dixo no punto 1 e sobre todo polo carácter aberto desta proposta, serviría para establecer vínculos co barrio. De forma máis directa co centro social A Comuna. Polo seu xeito de funcionar (horizontal e aberto á participación de calquera persoa) e pola súa localización (barrio de Monte Alto), existe unha gran afinidade entre ambas iniciativas e ambos grupos consideran que este proxecto sería un marabilloso xeito de establecer unha colaboración máis alá do puntual.

Persoas destinatarias:

  1. Por razóns obvias, aquelas persoas que están a participar máis activamente, tanto no Proxecto Cárcere, como n’A Comuna (que son á fin e ao cabo quen están promovendo a idea), pero o obxectivo de ambos grupos é que poida participar toda aquela persoa que así o desexe. Buscárase que o rango de idade sexa o máis amplo posible.

  2. Debido a experiencias previas na horta situada no parque de Oza, vemos esta actividade como unha gran forma de participación das persoas maiores, que adoitan estar menos presentes na vida social da cidade ou cinguidas a actividades moi particulares e moi dirixidas. As hortas serven para poñer en práctica e transmitir os seus saberes, que en moitas ocasións non recoñecen como tal.

Metodoloxía:

  1. A praxe levada a cabo estes anos de Proxecto Cárcere conleva exercer unha mínima organización e deixar que cada persoa que interveña no proceso puntual, teña o rango de propoñer ideas para seren debatidas, no caso dun horto, sería tamén un lugar de conversa, de afecto, de sociabilidade e o máis importante de aprendizaxe.

  1. Horizontalidade e consenso.

Planificación e actividades:

  1. A propia natureza da proposta dos hortos, relaciona a planificación co sentido común. É dicir, queremos traballar a horta da forma máis achegada aos propios ciclos naturais.

  2. Un dos destinos principais dos produtos que dea a horta é ser empregados no xantador comunitario que xa se vén desenvolvendo os domingos na Comuna. Este xantador é aberto a quen desexe tomar parte nel e é un xeito de crear unha comunidade en torno ao centro social.

  3. Dentro da plataforma Proxecto Cárcere está a cooperativa Zocamiñoca. Pensamos que a horta pode servir tamén para desenvolver actividades conxuntas con ese colectivo.

  4. Fomentarase a participación da veciñanza, tanto no día a día como en potenciais actividades puntuais.

    Vista do Parque Carlos Casares

    Vista do Parque Carlos Casares

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Hortas no cárcere. Sementando e creando en Comunidade

  1. Pingback: Xa temos as chaves das Hortas! | Proxecto Cárcere

Os comentarios están pechados.