Rafael Bárez. Avogacía e compromiso.

Breve curriculo
30/12/1945  a  5/05/1996

Avogado laboralista de CCOO en Ferrol.

Militante no PC na clandestinidade e na democracia. Concelleiro de Urbanismo polo PCG nas primeiras eleccións democráticas.

Detido en numerosas ocasións durante a súa vida de estudante en Santiago de Compostela.

Detido a raíz dos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol e e encarceado na prisión coruñesa durante nove meses .

“…Quisiera darte, niño

un futuro sin rejas, sin cadenas,

sin puertas, sin cerrojos,

sin muros y sin verjas…”

(Poemas del diez de Marzo, R. Bárez)

 

foto lavozdegalicia

foto lavozdegalicia

 

 

 

Rafael Bárez naceu no ano 1945 en Sigrás (A Coruña), nunha España que acababa de saír da guerra civil, aillada internacionalmente, que intentaba recuperarse economicamente cun réxime autárquico e cun goberno basado no “orden, unidade e aguantar”

Os seus estudos de bacharelato realizaríaos en Lugo onde tivo por mestre ao profesor ourensán Xesús Alonso Montero que pronto descubriría nel a súa vena política e intelectual.

En Compostela, onde cursaría estudos de dereito, comezará pronto a tomar contacto co mundo cultural da cidade, a través dos cine-clubes, das tertulias literarias, das representacións teatrais, da nova canción galega…

Serán anos decisivos na organización da resistencia estudantil ao réxime franquista. O curso académico 1966/67 será considerado como o espertar da Universidade Galega e así, no mes de marzo do 68, a Universidade Compostelana protagonizará un encerro de tres días de máis de mil estudantes na sede central da Universidade de Santiago. Tempos convulsos de asambleas multitudinarias, protestas, folgas ilimitadas e novos encerros, algúns xa en solidariedade coa loita obreira, como o que se faría na Catedral de Santiago en 1970 e no que participa activamente Rafael Bárez, xa integrado no Sindicato de Estudantes como representante da Facultade de Dereito.

Antes de acabar a carreira de dereito Rafael Bárez xa formará parte do Partido Comunista (PC) da man de Vicente Álvarez Areces , militancia política que non lle sairía gratis naqueles tempos: sancións académicas, económicas, desterros…

Vida no Ferrol dos anos 70

Rematados os seus estudos universitarios comezará outra carreira profesional non menos apaixonante. De cheo mergúllase no Ferrol máis combativo do movemento obreiro no ano 1970. Asume o cargo de responsable do Comité Local do Partido Comunista de Galicia ( PCG ) e empeza a traballar como avogado laboralista pese a non gustarlle especialmente esa rama do dereito.

A conflitividade sociolaboral daqueles anos desembocaría nos tráxicos sucesos do 10 de marzo de 1972. A implicación de Bárez neses anos co movemento obreiro foi máxima e sería a causa da súa detención xunto aos principais dirixentes do PC e das CC.OO. da provincia de A Coruña.

Despois de tres días sufrindo interrogatorios -obrigado a permanecer de pe, sen descansar nin un só minuto durante máis de cincuenta horas ata caer desfalecido- ingresa na prisión provincial de A Coruña durante nove meses. Neste tempo no cárcere comparte espazo con moitos dos seus vellos camaradas de loita, entre eles Álvarez Areces.

A “comuna” montada entre os presos políticos fará máis levadeiro ese tempo de incertidume sobre o seu futuro: o xadrez, a poesía -escribiu “Versos de Cárcel”-, a pintura -autorizáronlle a ter un pequeno trípode na cela- ou o teatro ocuparían boa parte dese tempo de reclusión.

En liberdade baixo fianza regresa a Ferrol continuando coa súa intensísima actividade política: formará parte do comité de redacción da revista “10 de marzo” de CC.OO. e participará activamente nos órganos de dirección do partido comunista. Profesionalmente asesorará aos Xurados de empresa, aos enlaces sindicais e atenderá á defensa xurídica de multitude de asuntos que chegarían ao seu despacho, algún deles de gran repercusión social e mediática como o seu propio proceso ante o Tribunal de Orden Público (Causa 489/72) coñecido en toda España como o “proceso dos 23 do Ferrol”, onde o Ministerio Fiscal pedía para os encausados un total de 110 anos de prisión e do que Rafael Bárez sairá absolto.

Rafael Bárez na Coruña

Tras a morte do xeneral Franco, Bárez instálase en A Coruña como secretario político do comité comarcal do PCG e traballa intensamente nos despachos profesionais de Ferrol e de A Coruña aos que se foron integrando outros avogados: Gómez Somoza, Güemed Abad, Rosario Crespo e Fuco Antas, que chegaría tras sufrir o asasinato dos seus compañeiros no despacho de avogados de Atochas en Madrid.

Legalizado o PC formará parte da comisión que elaborará o programa co que acudirán ás primeiras eleccións democráticas figurando como segundo das listas pola provincia de A Coruña. Os resultados non foron os esperados e as voces críticas -incluída a de Bárez- coa dirección do partido deixáronse oír.

Nas primeiras eleccións municipais ao concello de A Coruña no ano 1979 o PC si mellorará os resultados. O lema de campaña será “Salvar A Coruña para os veciños: Honestidad, eficacia, transparencia” . Rafael Bárez (que encabeza a lista de candidatos ) e Antonio Remeseiro sairán elixidos.

Grazas a unha coalición dos partidos de esquerdas asumirá a concellaría de urbanismo. Da súa man sairán as liñas xerais do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal, plan que será aprobado no ano 1985 pero xa deturpado das ideas orixinais polo goberno vazquista.

Nos anos oitenta a crise interna do PC alonxaría a Bárez da militancia e tamén da actividade política.

Dende 1979 atópase unido a Toya Fernández coa que tería ao seu único fillo Raul no ano 1987.

A súa vida persoal e profesional mudará a partir de entón. Como recorda Toya Fernández, Rafael vólcase na súa vida familiar dunha forma intensa e divertida: viaxes, lecturas, xogos familiares, comidas con amigos, labores do fogar…

Profesionalmente abandona o dereito laboral para adicarse ao dereito administrativo. Abre o primeiro despacho colectivo na cidade de A Coruña xunto aos seus compañeiros Güemed Abad e Fuco Antas: GAE (gabinete de avogados e economistas).

Ademais impulsou congresos xurídicos, asociacións como a de “Avogados Xóvenes de Galicia” , e foi un dos fundadores e presidiu ata a súa morte a Asociación “Xustiza e Sociedade” que integraba a máis de douscentos profesionais do mundo da xustiza e que é aínda hoxe, presidida por M Anxo Fernández, é unha asociación preocupada pola defensa dos dereitos humáns e pola mellora e democratización da administración da xustiza -os seus premios levan o seu nome-. Conferenciante, articulista dos máis variados temas: dende a defensa do dereito a folga dos traballadores da función pública, as insuficiencias da administración da xustiza ou críticas á coñecida “lei Corcuera” de seguridade cidadán. Pero sen dúbida o artigo de prensa que mais repercusión tivo e que aínda a día de hoxe é comentado no mundo da avogacía foi a crítica á súa propia profesión letrada denunciando a deriva mercantilista dun traballo que para el tiña unha clara función social. Críticas que lle valeron a apertura dun expediente polo Colexio de Avogados de A Coruña e que tivo que recorrer ante o TSXG para defender o seu dereito constitucional á liberdade de expresión e conseguir a anulación do mesmo.

Tamén foi obxecto da súa análise a desazón que lle provocaba o desprestixio da actividade política daqueles anos: o comportamento de moitos políticos profesionais, a desconexión coa realidade e os problemas cotiáns da xente, o fenómeno xa daquela da desvertebración asociativa, a ausencia de control democrático sobre cargos públicos e cúpulas directivas…

Toda esta intensa actividade, profesional, cultural, familiar e humana acabaría fatalmente no ano 1996 aos seus cincuenta anos de idade.

Sirvan estas liñas de recoñecemento a Rafael Bárez e a todos aqueles avogados e avogadas que entenderon e entenden a súa profesión como entrega, sacrificios ou renuncias, e que significou padecer torturas, cárcere e incluso para algunhas, a morte.

Bibliografía:

Materiales para el estudio de la abogacía antifranquista.Vol 1.José Gómez Alén e Rubén Vega García (coords.)1ª edición: cotubre de 2010, páx 33-67

Biografías Obreiras de Ferrol (Volumen I). Colección Testemuños nº 6 por Fuco X Antas Pérez. Editorial Fundación 10 de marzo.Autores: Antonio Blanco Carballo, Lorena Bustabad Hermida.

 

Esta entrada foi publicada en Proxectocárcere e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.