Reunión co Concello antes de Nadal

Este xoves 22 de Decembro pola mañá reunirémonos no Concello da Coruña con Xiao Varela da concellería de Urbanismo, Infraestructuras e Equipamento e Claudia Delso da concellería de Participación e Innovación Democrática, para falarmos das propostas de Proxecto Cárcere para o antigo cárcere da Torre no contexto que presenta a eminente cesión de usos socioculturais do SIEP ao Concello.

Convidamos a todas as persoas interesadas á asemblea que teremos na mesma tarde do xoves às 20:30 no CSO A Insumisa.

Nesta Asemblea imos informar sobre o proceso deste último ano en que Proxecto Cárcere solicitou por rexistro o uso do edificio e estivo a reunirse co Concello. Presentaremos a nosa proposta de xestión e uso público desde a cidadanía para este espazo abandoado, en preocupante estado de deterioro e sen ningún uso nos últimos 6 anos. E abriremos un espazo de debate para concluir cos pasos a seguir daqui pra diante.

Os obxectivos principais de Proxecto Cárcere son:

  • Rehabilitación e mantemento do edificio para evitar o seu progresivo deterioro en base a principios de sustentabilidade, manter a estrutura orixinal do edificio, respecto co medio ambiente e compromiso coa economia local e social
  • Uso público e enfocado nas necesidades da cidadanía do total do edificio.
  • Gradual acondicionamento dos diferentes espazos do cárcere dacordo aos usos reais que vaian xurdindo tendo en conta os principios de adaptabilidade, bioconstrucción, participación e baixo custo.
  • Xestión cidadá do espazo considerando as dinámicas naturais da participación colectiva en que se prioricen as persoas sobre os resultados, se valorice e potencie as iniciativas xurdidas desde as cidadás e cidadáns e onde a experimentación e o erro formen parte dunha aprendizaxe sólida e para toda a vida.
  • Creación aberta dun espazo sociocultural e da memoria con visión no medio e longo prazo, de beneficio para a cidadanía e que transcenda o marco de 4 anos de lexislaturas de un outro partido político.

Seguiremos informando.

Podes contactarnos enviando email a proxectocarcere@gmail.com e participar nas nosas asembleas.

Esta entrada foi publicada en Convocatorias da Plataforma, Novas, Proxectocárcere. Garda a ligazón permanente.