O paseo de Jane. Roteiro por Montealto

O vindeiro sábado 13 de maio imos camiñar un pouco por Monte Alto. Se mirades máis abaixo poderedes ver a ruta.
Sendo onde é xa sabedes que costas vai haber, pero levaremos ritmo de persoa con vida sedentaria, así que vinde sen dubidalo: crianzas, maiores, bici debaixo do brazo, can… A actividade é totalmente aberta e non require coñecementos previos.


Quen era Jane Jacobs?
Jane Jacobs foi unha teórica e activista no ámbito do urbanismo. Non tiña formación académica nel, pero participou en varias loitas relacionadas coa planificación urbanística en NY e Toronto e publicou varios libros ao respecto (O principal, The Death and Life of Great American Cities).
Entre as cousas que defendía están as seguintes:
– A importancia das beirarrúas e do espazo peonil fronte á mobilidade baseada no vehículo privado.
– A necesidade de que exista contacto entre a veciñanza dun lugar.
– A preferencia por unha cidade que sexa variada e interesante por enriba dun exceso de ordenación.
– Os puntos anteriores, e outros, fan que unha cidade desexable para vivir sexa aquela na que os barrios son ecosistemas complexos, con variedade de usos, e onde a veciñanza se responsabiliza do lugar no que vive, nun proceso que se transmite de forma natural.

Que son os paseos de Jane?
Trala súa morte, parte da comunidade máis próxima a Jane Jacobs decidiu comezar a celebrar a data do seu nacemento organizando camiñadas que permitisen a interacción entre a veciñanza e os lugares que habitan. Desde a primeira acción, levada a cabo hai dez anos, os paseos comezaron a estenderse polo mundo adiante e agora moitas cidades os organizan, nesa data ou mesmo durante o resto do ano.
Pra saber máis:
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=27280
http://www.rtve.es/alacarta/videos/la-aventura-del-saber/aventurampaseo/3880752/

Por que facer un paseo de Jane?
Por que non? Un roteiro polo barrio onde se localiza o vello cárcere provincial é unha boa forma de coñecelo e ao mesmo tempo, de que nos coñezan.
Poderíamoslle ter chamado simplemente iso, roteiro, pero gústanos o concepto do paseo-conversa que representan os jane’s walks, e sentímonos moi próximxs a esas ideas de jacobs que enumerábamos antes. Esa visión do barrio como un espazo complexo e grande variedade (de usos, idades, horarios…), coidado polxs seus habitantes, é perfectamente extrapolable ao cárcere.
Por outra parte, a connotación dos paseos en relación coa prisión é terrible pero, sen querer esquecer esa parte da historia do noso cárcere, decidimos seguir adiante co nome, comezar a asocialo a algo bo, voluntario e libre.

Como vai ser?
A orixe da ruta está nunha cartografía de lugares que foron ou son centros sociais ou puntos de reunión e actividade social do barrio de Monte Alto, e de aí foron saíndo outras cousas: algo de historia, algo de toponimia, moito de recordos de infancia… Finalmente o roteiro queda así:

Campo de Marte ás 11:00h, puntuais. Punto de encontro.
Praza Coro Cántigas da Terra.
Verea do Polvorín, 35. Se non chegades ao Campo de Marte podedes sumarvos á camiñada en calquera punto, pero se non nos atopades, ás 12:29 estaremos seguro no Centro Social A Comuna.
Rúa do Faro, 6.
Parque Carlos Casares, xunto á rúa Pedro Galán Calvete.
Cárcere da Torre (Non, non se pode entrar).

A hora estimada de fin do roteiro son as 13:30h, diante do cárcere. Alí haberá xantar comunitario, de balde. Compramos comida en cantidades galegas, pero por se de súpeto as nosas expectativas máis optimistas se visen superadas, aquelas persoas que veñades ao roteiro teredes un papeliño para asegurar que non pasades sen comer.
A partir das 13:30 e ata que o corpo dxs músicxs aguante haberá acompañamento de:
A.C. Son d’aquí
Gonçalo Guerreiro e banda
8hz

Esta actividade é unha das dúas que se enmarca dentro da proposta de Proxecto Cárcere seleccionada na convocatoria de #CulturaDeBarrio da Concellería de Culturas da Coruña.

Mapa da ruta: http://goo.gl/M9hZ95

Esta entrada foi publicada en Convocatorias da Plataforma, Proxectocárcere. Garda a ligazón permanente.