Que é Proxecto Cárcere

En primeiro lugar debemos dicir que tiñamos moitas reticencias a realizar un escrito deste tipo e aínda neste momento non estamos seguras de que sexa o mellor. Por unha parte, non queremos contribuír ao que entendemos é un enfrontamento entre partidos políticos . Por outra, cremos que deixar as cousas claras non pode ser malo, especialmente porque se está obviando o que ten que dicir  Proxecto Cárcere, falando de nós sen contar con nós.

Como xa expoñemos nun texto na nosa páxina de facebook, aledámonos de que haxa por fin un escrito oficial sobre a resolución da convocatoria referente ao cárcere, e non comprendemos que este saíse despois, e non antes, de ter sido anunciado o resultado en prensa. Tampouco estamos de acordo coa incompatibilidade que ven xs técnicxs do Concello entre as dúas asociacións presentadas, cando a posibilidade de conxugar as diferentes propostas que houbese era un dos aspectos que viamos máis positivos dentro das bases da convocatoria.

Nesta semana que levamos desde a nova non podemos deixar de agradecer as palabras e o apoio das persoas que nalgún momento participaron do proxecto, nin daquelas que simplemente o seguiron menos en primeira liña, así como de outros  colectivos da cidade que valoran o traballo da plataforma. Ademais destes apoios, está sendo unha feliz sorpresa ver como moita máis xente da que pensabamos no só coñece Proxecto Cárcere, senón que entende o que se propón e parabeniza os seus esforzos. Nestes anos tiñamos escepticismo sobre o grao de coñecemento da plataforma, polo que nos alegra ver estas reaccións, das cales temos que dar grazas en boa medida aos medios de comunicación locais, que recolleron de forma constante os actos que realizabamos. Por desgraza, a un gran número de colectivos da cidade non se lles dá espazo nos medios comerciais, e o seu traballo resulta así invisibilizado. Cremos que a cidade só melloraría se a prensa dese voz a estes colectivos e asociacións.

 

Hai vida máis alá dos partidos políticos. Se precisamente algo quere reivindicar Proxecto Cárcere é a importancia e a necesidade dunha sociedade civil activa. As persoas (todas, non só as que participan en Proxecto Cárcere) teñen unhas ideoloxías e uns principios, iso non ten por que traducirse nunha identificación cun partido político, e estes non poden ser a única canle para participar e decidir na sociedade.

A pesar disto, Proxecto Cárcere escolleu no seu momento o camiño do diálogo coa administración no obxectivo de conseguir que a veciñanza da cidade puidese facer uso do edificio do cárcere. O motivo principal foi a crenza de que, se se conseguía por ese medio, o uso veciñal do cárcere contaría con máis garantías e máis solidez. É por isto que Proxecto Cárcere sempre tentou manter contacto con todos os grupos municipais e expoñerlles o que propoñía para a prisión, coa idea de que, de conseguirse o primeiro paso, a apertura á cidadanía, este non estivese a mercé de cambios na institución. A plataforma xurde, de feito, dunhas xornadas chamadas “Novos modelos de xestión cultural” organizadas desde o Concello da Coruña, daquela gobernado por PSOE e BNG. Ao longo da andaina de Proxecto Cárcere houbo comunicación puntual cos gobernos da cidade. En xuño de 2011 desenvolvéronse as Xornadas de Portas Abertas estando o bipartito PSOE-BNG no consistorio. Tamén en 2011, durante o goberno do PP na cidade, convidouse a Proxecto Cárcere a facer na prisión unha intervención artística coincidindo co Día Mundial da Arquitectura, que nese ano estaba adicado á “Arquitectura e Dereitos Humanos”. Previamente á data, Proxecto Cárcere alertou ás autoridades dos destrozos que existían no espazo para que a celebración dese evento no cárcere non puxera en risco a seguridade de ninguén. A performance realizada ese día dentro do edificio por Proxecto Cárcere tivo como único obxectivo alertar de que o abandono do edificio era perxudicial dende calquera punto de vista. Caso omiso. De feito, o alcalde da Coruña, naquel momento Carlos Negreira, manifestou publicamente que dialogaría con Proxecto Cárcere. Caso omiso.

En marzo de 2012 convocouse unha Brigada de limpeza e aí si reaccionou a administración, lonxe de dialogar coa plataforma para analizar por que que se facía esa acción directa, enviaron varias patrullas da policía nacional e da secreta. Parouse a acción e a resposta á mesma foi tapiar completamente a zona de entrada do cárcere e interromper o diálogo de xeito unilateral.

Xa co goberno de Marea Atlántica mantivéronse reunións iniciais con diferentes concellería que, máis alá de boas palabras, foron moi pouco produtivas. A nosa resposta foi non deixar esquecer a situación do cárcere e continuar pedindo que existise ese diálogo entre Concello e SIEP.

É lóxico que en Proxecto Cárcere haxa moitas reticencias á presenza política na asemblea, debido aos ritmos burocráticos das institucións e porque a sociedade civil sempre vai un punto por diante das institucións públicas en todo tipo de aspectos resolutivos e de implicación coa súa contorna.

Contacto con outras asociacións e colectivos da cidade. Do mesmo xeito sempre se considerou prioritario colaborar co resto do tecido asociativo da cidade e cos seus colectivos e movementos sociais, e ter o seu apoio. Na medida que foi posible Proxecto Cárcere contactou e colaborou, de distintos xeitos, con eles. Recibindo e incorporando as súas propostas, ofrecéndonos a informar sobre o proxecto, organizando encontros… Unha das formas que tivemos para desenvolver esta teima foi por medio do programa Ondas do Cárcere, que emitimos  durante 4 tempadas en Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña. Impulsouse dun xeito empírico esa colaboración por medio de entrevistas ou reportaxes con colectivos referencia da cidade así como fóra da provincia e de Galiza. Foi unha etapa chea de aprendizaxe e de coñecemento doutros xeitos de vivir en sociedade e ao mesmo tempo déuselles un oco nun medio de comunicación creado para servir á cidadanía de medio de expresión.

En Proxecto Cárcere pode participar calquera persoa, con independencia da súa afiliación política, de tela. De feito, o que non se permite é precisamente a participación de partidos políticos. A asociación está aberta a persoas individuais, colectivos sen forma xurídica, asociacións ou plataformas, pero non a partidos nin sindicatos.

Nunca se lle pediu ningún carné a ningunha persoa para deixala entrar nin para obrigala a marchar. O único necesario é a vontade de estar e unha actitude de respecto polo resto das persoas e os seus esforzos. Se de algo pode felicitarse Proxecto Cárcere é da diversidade de xente que nel participa.

Que significaba e que significa ser “membro” de Proxecto Cárcere? A plataforma Proxecto Cárcere decidiu converterse en asociación cultural sen ánimo de lucro para poder ter acceso a cousas para as cales se precisa un CIF (naquel momento concreto, para poder usar un centro cívico para reunirse). Pese a ter esa forma xurídica nunca tivo un rexistro de persoas socias como tal, porque o único requisito para participar era, precisamente, participar, o cal se traducía en asistir ás asembleas mensuais (que eran e son, polo tanto, abertas) ou, nos momentos nos que funcionaron, colaborar nos grupos de traballo temáticos. Moitas persoas non tiñan tempo para unha cousa nin outra e simplemente acudían ás accións puntuais que se organizaban ou daban o seu apoio ao proxecto. Durante moito tempo, en calquera destes catro casos, todas esas persoas formaban parte dunha única lista de correo chamada “Asemblea”, porque entendíamos que todas eran persoas que dalgunha forma participaban en Proxecto Cárcere.

Así, nos inicios de Proxecto Cárcere, antes aínda de ter forma xurídica, se contaban arredor de 150 “participantes”. Participantes no sentido que se explicaba no parágrafo anterior. Tanto alguén que estivo en todas as asembleas dun ano, como outra persoa que simplemente manifestou o seu interese e apoio ao proxecto era participante. Despois desa primeira etapa e co peche do cárcere o número de persoas máis implicadas comezou a baixar, ata quedar durante uns 3-4 anos nun número de entre 15 e 6 persoas. Nese tempo foi, como é obvio, especialmente difícil manter o proxecto con vida.

Este ano o Concello da Coruña e a SIEP estatal chegaban a un convenio de cesión, e ante a perspectiva dunha nova apertura da prisión, o número de persoas volveu crecer ata chegar ao actual, que ronda os 30. No final do ano 2016 vimos finalmente a necesidade de definir máis claramente quen estaban verdadeiramente participando máis a miúdo en Proxecto Cárcere, principalmente para saber con que forzas contabamos para manter vivo o proxecto. Estábanse enviando convocatorias de asemblea a arredor de 200 persoas para que só apareceran seis ou sete, coa conseguinte frustración. Nese momento realizouse unha consulta nesa primeira lista única de correo para saber quen desexaba participar na asemblea mensual e quen prefería facelo de forma máis puntual, ou simplemente ter información de cando en cando.

 

A Xunta Directiva de Proxecto Cárcere. Como asociación que é, Proxecto Cárcere precisa, por lei, unha xunta directiva. Esa é a única razón pola que existe. Como asociación sen ánimo de lucro que é eses cargos non teñen remuneración e ademais no caso concreto de Proxecto Cárcere non teñen tampouco ningún poder, xa que o órgano de decisión é a asemblea. A xunta directiva de Proxecto Cárcere elixiuse no primeiro trimestre do 2012, cando se creou a asociación, e por neglixencia non se cambiou durante 4 anos. Cambiouse por dous razóns principais:

  1. a) A máis importante: os estatutos marcan que a xunta debe cambiarse cada dous anos,
  2. b) Varias das persoas que figuraban nela levaban anos sen participar en ningunha asemblea ou reunión de Proxecto Cárcere. Neste segundo caso estaba ademais Rocío Fraga, que nesta altura era xa Concelleira no Concello da Coruña, pese a levar 4 anos sen contacto coa asociación.

 

Cremos que o convenio asinado por Francisco Vázquez foi innecesario e negativo para os intereses da cidade. O terreo onde se sitúa o cárcere cedeuse ao estado para un cárcere, e cando este deixou de funcionar debería ter sido revertido á cidade de forma gratuita. Por esta razón aplaudimos a decisión do concello de Carlos Negreira de loitar xudicialmente pola fin dese convenio. Ao mesmo tempo e sen que unha cousa exclúa á outra, sempre pedimos que houbese un diálogo entre a administración central e a local, pese a que debería existir por defecto, en lugar do uso partidista que parece que se lles dá e ante o cal a veciñanza está indefensa. Comprendemos á súa vez o complexo do camiño xurídico e chegado o momento atopamos ante todo que era primordial poder usar o edificio.

Por que autoxestión? Cremos plenamente en que a veciñanza é capaz de coordinarse e responsabilizarse dos seus espazos sen a tutela de ningunha institución nin as directrices dun grupo político. Queremos deixar de ser suxeitos pacientes e ser axentes activos, así como poder facer uso dos espazos da nosa cidade sen o muro dunha burocracia laberíntica e xorda (véxase o caso da plataforma tendo que crear unha asociación para poder facer reunións nunha sala dun edificio municipal). Unha cidadanía que pode ter espazos de encontro e traballo conxunto, que pode reflexionar en común e chegar a acordos por si mesma, é unha cidadanía máis forte.

 

Por que memoria histórica? A antiga prisión leva en pé desde o ano 1927, o cal significa que se usou como presidiu durante os 40 anos de represión franquista. polo tanto, non hai ningunha dúbida sobre o lugar da memoria histórica dentro do ADN de PC. Ademais disto, cremos que pode ser un espazo perfecto para falar dos dereitos humanos e dos dereitos das persoas presas en xera

 

Común e transparente. Os documentos que xorden do traballo de PC están ao dispor de tódalas persoas que os precisan. De feito planos e outra documentación técnica do cárcere ten sido empregada xa en varias ocasións por estudantes para os seus traballos de arquitectura, turismo, etc, e temos falado da experiencia de Proxecto Cárcere con xente de educación social, xornalismo ou comunicación audiovisual. Á súa vez nós tamén nos beneficiamos do traballo feitos por outrxs noutros puntos do estado. Por exemplo, tanto para o documento presentado aos partidos en xaneiro como para a proposta presentada á convocatoria do concello, consultamos e fixemos uso de documentos de Can Batlló, Tabacalera de Lavapiés e Lafabrika de toda la vida, entre outros, e mesmo de normativas de montes en man común. Porque, ao fin e ao cabo, non estamos inventando nada novo, só tentando contribuír á súa mellora.

 

Ata aquí un resumo do que foi e é Proxecto Cárcere. Como xa dixemos arriba a documentación xenerada nestes xa case 7 anos está na nosa web e podedes consultala, entre eses documentos está a última proposta que realizamos, que debería ser o realmente importante, é dicir, o que e o como. Calquera dúbida que teñades sobre eses documentos, ou sobre como participar en Proxecto Cárcere, sabedes que podedes consultala a través do noso correo electrónico (proxectocarcere@gmail.com). Estamos recibindo achegas nos últimos días que fan este proceso aínda máis ilusionante.

Por suposto, se queredes difundir este texto, adiante.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.