7º ANIVERSARIO DE PROXECTO CÁRCERE

O 20 de Novembro facemos 7 anos en Proxecto Cárcere e queremos convidarvos a unha pequena celebración o Domingo 19 ás 17h en frente do Cárcere da Torre.

Faremos unha acción, como é habitual, leitura de manifesto, e un brinde polos 7 anos. Todo amenizado con música do país.

Gostaríanos moito que vos unísedes a nós, especialmente neste momento en que estamos tan próximas de entrar no cárcere.

Un especial agradecimento a todas as persoas, colectivos e organizacións que durante este tempo estivestes dun xeito ou outro connosco.

“Nunca dubide que un pequeno grupo de persoas conscientes e unidas poda ser quen de mudar o mundo; de facto, sempre foi somente así que o mundo mudou”

Fritjof Capra

 

Hai 7 anos permitímonos soñar que un espazo que albergara dor e sufrimento podería tornarse nun lugar onde a creación e o pensamento libre invadiría as nosas vidas.

Emocionámonos coas historias que contaban as súas paredes, as persoas que narraran a súa vivencia desde dentro e desde fóra do cárcere da Torre.

Unha mestura de tristeza e curiosidade e crecente ilusión metéusenos no corazón e xa non nos abandonou máis nunca.

Foron moitas as persoas que compartimos este soño e con cada unha delas íase facendo máis e máis grande, e máis e máis forte.

Persoas a nivel individual e outras pertencentes a grupos de diversos ámbitos uníronse ao que deu en chamarse Proxecto Cárcere.

O camiño foi longo, máis longo do que pensabamos, e non libre de dificultades. Tivemos que ser testemuñas de como un edificio baleiro, sen uso, nin proxectos a corto ou longo prazo por parte das institucións responsabéis, ía deteriorándose sen poder nós facer nada. Non podíamos entender como as institucións non se alegraban pola mobilización da cidadanía para construír cultura desde abaixo, coas súas propias mans, simulando ás mans que antes das nosas, e das propias institucións, construíran esta cidade.

É só posíbel darlle vida a expresións sociais, musicais, educativas, artísticas… se estas xurden daquelas persoas que cada catro anos ocupan desde un partido político X a xestión da sociedade? Non é factíbel e tal vez máis sustentábel que haxa proxectos que sexan xerados polas propias cidadás procurando unha continuidade alén de mandatos con data de caducidade? Non sería máis adecuado que estes procesos de creación e participación puidesen adecuar os tempos ás súas necesidades, en vez de que sexan os tempos administrativos os que determinen o seu inicio e fin de vida?

Como se pode demandar unha sociedade madura e participativa se non se lle permite acceder á práctica, á experiencia física de experimentar, acertar e errar, como condición indispensábel para a súa propia aprendizaxe e desenvolvemento?

En Proxecto Cárcere apostamos polas persoas e pola creación de proxectos que podan sobrevivir dacordo aos seus propios ritmos e necesidades. Non esperamos que todos eles sexan gañadores de antemán, precisamente este pretende ser un lugar onde poder soñar e crecer sen corsés convencionalistas. Será precisamente ese lugar onde comezar a escribir a nosa historia e onde se nos permitirá borrar, facer tachóns, intentar e volver a comezar se for necesario.

Para que isto fose posibel tivemos que resistir durante 7 anos e foi sen ningunha dúbida grazas ao apoio e respecto de todas vós. Por iso, agora, no ano 2017, no que conseguimos que o cárcere da Torre pase a mans da cidadanía da Coruña, sentímonos moi orgullosas pero principalmente moi agradecidas a todas aquelas persoas, grupos e organizacións que durante todo este tempo formaron dunha maneira ou outra parte de Proxecto Cárcere.

Grazas á Concellería de Cultura do bipartito BNG-PSOE do 2010 por organizar os Encontros sobre novos modelos participativos de xestión cultural. Foi neles onde se plantou a semente da que xurdiría Proxecto Cárcere.

Grazas a todas as persoas e colectivos que a pesar das dificultades e de ter o Nadal próximo se reuniron durante os primeiros meses para darlle forma ao que sería a plataforma cidadá.

Grazas a todas as que estando activas ou non no día a día da plataforma quixestes mantervos informadas, colaborar puntualmente ou asistir aos eventos que se organizaron e seguir sendo parte da lista de participantes de Proxecto Cárcere.

Grazas a todas as artistas e colectivos que lanzastes propostas en tempo récord para montar as Xornadas de Portas Abertas do 2011. Grazas a todas as que asististes durante eses 4 días onde vimos o noso soño facerse, brevemente realidade. Xa nunca o puidemos esquecer.

Grazas a Rede Transibérica de Espazos Culturais Independentes, que nos acolleron como unha máis desde o inicio a pesar de nós non ter espazo físico. Grazas polo recoñecemento que sempre nos destes e especialmente grazas por decidir organizar o IV encontro na nosa cidade no ano 2015 e falar coas institucións daquel momento para mostrarlles a viabilidade deste proxecto a través da vosa experiencia.

Grazas a Cuac FM por darnos como premio “Oscuac 2011”, ao mellor colectivo da cidade, unha hora de emisión de radio durante 3 meses. Gustounos tanto que resultou nun programa “Ondas do Cárcere” fundamental na nosa historia desde 2012 .

Grazas ao COAG (Colexio Oficial de Arquitectxs de Galicia) e á ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) polo seu apoio, convites, colaboración en diferentes ocasións ao longo destes 7 anos. Especialmente grazas ao estudantado polos seus proxectos de Fin de Carreira sobre o cárcere.

Grazas a todas as que enviastes propostas para o cárcere na campaña “E ti que farías aqui?”. Foi coa vosa xenerosidade e boas ideas que poidemos elaborar o Plan de Viabilidade, documento fundamental deste proxecto que hoxe continúa a ser de referencia para nós e para todas as que o queiran utilizar.

Grazas a todas as que participastes nas diferentes accións de divulgación do proxecto e denuncia do estado do cárcere, a Brigada de Limpeza, o Jail Art, SOS Cárcere da Torre, no Coruña Baleira, Jail Vermús, Tempo de Cereixas, Aniversarios, etc.

Grazas por convidarnos a diferentes eventos, congresos, xornadas para presentar o noso proxecto de recuperación dun cárcere en desuso en centro sociocultural e da memoria.

Grazas as persoas artistas e músicas por regalarnos a vosa creatividade en cada ocasión que volo pedimos, e esas outras en que nola ofrecestes vós directamente.

Grazas a todos os colectivos, establecementos e particulares que nos cedestes o voso espazo para poder facer reunións e asembleas semana si e semana tamén. Sen vós a nosa vida tería sido moito máis complicada.

Grazas aos diferentes partidos políticos que nos recibistes e especialmente aos que crestes nesta proposta, estiverades no goberno ou non, e que o seguides a facer.

Grazas aos medios de comunicación, prensa, radio, televisión, que ao longo deste tempo atendestes as nosas notas de prensa, cubristes os nosos eventos, aínda que estes foran humildes, e quixestes informarvos e informar a cidade con veracidade e profesionalidade.

Grazas a todas as persoas e colectivos que estades a presentar proxectos en firme para a próxima apertura do cárcere.

E grazas a todas e cada unha das persoas coas que compartimos tardes, noites, ilusións e desacougos desde o día 1 ata hoxe. Grazas á Asemblea de Proxecto Cárcere, grazas ao grupo coordinador, grazas aos grupos de traballo de Infraestruturas, Comunicación, Financiamento, Xestión, Proxectos, Hortas, Memoria, Radio e Escola.

Sen todas vós isto non tería sido posibel.

En 2018 as portas do cárcere volven estar abertas para ti

Esta entrada foi publicada en Convocatorias da Plataforma, Novas. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *