Sobre a Insumisa

 

En novembro de 2016 un grupo de persoas liberaban un espazo en estado de abandono coa proposta de coidalo e mellorar tanto o seu aspecto como a súa utilidade anterior. A Insumisa comezou co frío pero sabendo que ía mudar todo iso dándolle unha volta de 180º e virándoo un lugar cara á convivencia, a creación, a concordia e a equidade.

Nese mesmo mes, o Concello de A Coruña anunciaba o acordo logrado coa SIEP (Sociedade Estatal de Infraestructuras Penitenciarias) no que se asinaría un convenio polo cal o Concello tiña dereito durante dous anos prorrogables ao uso da antiga prisión provincial de A Coruña, o vello cárcere da Torre.

A primeira asemblea de Proxecto Cárcere despois desa nova, o 22 de decembro de 2016, fíxose na Insumisa. Para nós a elección e proposta deste lugar non era casual. Tanto a Comandancia de Obras coma o Cárcere estaban en estado de abandono, como moitos outros espazos na nosa cidade, públicos e privados.

Cando unha persoa, ou varias, están interesadas na permanencia dun lugar e o seu coidado, nunca debería ser posto en entredito, porque o mero feito de coidar, simboliza certa forma de convivir que leva implícito un sentir de respecto polo que nos rodea, sexa unha árbore, un camiño ou un edificio. Proxecto Cárcere aposta por estas premisas.

Para coidar neste caso do edificio da prisión, Proxecto Cárcere escolleu o camiño do diálogo coa Administración, o que, disque, é o “correcto”. Pasaron xa sete anos e, no mellor dos casos, a burocracia e a deixadez por parte das institucións fan que, como Comandancia antes, o cárcere estea tamén nun estado deplorable. Isto supón para todas as persoas da Coruña unha perda patrimonial á vez que dificulta o seu uso pleno e inmediato, agora que foi finalmente cedido do Ministerio de Interior ao Concello da Coruña e deste á cidadanía. Non parece entón que as canles que se nos ofrecen sexan moi útiles.

Pola contra, non é dificil encontrar casos, onde unha administración  durante anos e baixo diferentes gobernos utiliza o espazo público como refén para conseguir rendemento económico, electoral ou ambos. Por que non é este o debate?  Por que se permite e normaliza que unha institución actúe máis como un mero especulador que como un garante do patrimonio da cidadanía? Quen coidou realmente do ben común en Comandancia?

No canto dese desamparo institucional e excesiva demora en dar resposta a propostas cidadás de rehabilitación e uso participativo de edificios e terreos abandonados, a asemblea da Insumisa foi rehabilitando o espazo, dándolle uso e abríndoo a quen queira participar del e do proceso.

A día de hoxe non temos dúbida de que  a existencia  dunha diversidade de espazos comúns e de formas de xestión dos mesmos, é positivo para a cidade. Neste momento A Insumisa é o único CSOA da Coruña, e a súa desaparición  sería un golpe a este ecosistema.

Somos conscientes de que a posición do Concello da Coruña non é facil e que facer cambios é un proceso complexo e que leva tempo. Valoramos o feito de ser o primeiro goberno da cidade que considerou ao movemento okupa como interlocutor válido. E que tentara abrir posibilidades nun sistema pouco amable coa diversidade e baixo a presión de outras forzas políticas e institucións do Estado.

Pese a recoñecer esa disposición do goberno municipal actual, cremos tamén que non conseguiu ter a suficiente sensibilidade, respecto e coidado co proxecto político e social da Insumisa, cos seus procesos internos e cos sentimentos das persoas que o conforman.

Desde Proxecto Cárcere apoiamos o traballo da CSOA A Insumisa e recoñecemos o seu valor como parte da construción cultural e social da Coruña así como da recuperación de espazos abandonados e en desuso co que conleva de denuncia dun urbanismo depredador. Gustaríanos que o goberno municipal e os medios de comunicación aproveitasen o foco que se está a poñer na Insumisa para promover a reflexión e debate social sobre como facemos cidade, baseado en feitos e non na desinformación, que non se limite a criminalizar senón recoñeza o que poden aportar estas experiencias de  autoxestión.

Proxecto Cárcere


Outros espazos abandonados e/ou sen uso da Coruña – Convocatoria fotográfica “Coruña Baleira” do 2014

Coruña Baleira from Proxecto Cárcere on Vimeo.

 

Esta entrada foi publicada en Novas, Proxectocárcere, Sen clasificar e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *